Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Lousame e a Universidade de Santiago ofrecen seis charlas formativas gratuítas para maiores de 50 anos


As sesións terán lugar entre o 1 e o 8 de xuño na Casa da Cultura

O Concello de Lousame e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha unha nova edición de “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, un programa gratuíto de formación universitaria dirixida á veciñanza maior de 50 anos.

Esta iniciativa, froito dun convenio asinado entre ambas institucións, forma parte do Programa Universitario de Maiores, ‘IV Ciclo’ e inclúe tres seminarios teóricos, un obradoiro práctico, unha saída e unha sesión práctica, que terán lugar entre o 1 e o 8 de xuño en horario de 16:30 a 18:00 horas. A matrícula é gratuíta e pode formalizarse na Casa da Cultura ou chamando ao 981 82 57 80, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Programa

O seminario que dará o pistoletazo de saída a este novo programa terá lugar o 1 de xuño e denominase ‘Escribir a nosa historia. Obxectos, soportes e instrumentos de escritura’. A sesión estará dirixida polo investigador e profesor da Facultade de Xeografía e Historia colaboradora do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo da, Anxo Rodríguez, que tamén impartirá o día 2 o obradoiro práctico de análise de materiais arqueolóxicos e documentais no mesmo horario.

Os días 3 e 4 de xuño, Nerea Varela, colaboradora do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, impartirá o seminario ‘Simboloxía das cores’ e posteriormente ao día seguinte dirixirá un percorrido a pé polos arredores para analizar o significado das cores.

Finalmente, o profesor do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo e invetigadorda Universidade de Santiago de Compostela, Álvaro Dosil, será o responsable do seminario ‘O cine como linguaxe’ e da posterior sesión práctica nos días 7 –sesión teórica- e 8 de xuño –sesión práctica-.

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Lousame, que ademais conta coa colaboración da Consellería de Política Social, a Deputación Provincial da Coruña e o Banco Santander.